Delegados sindicais e traballadores de Vegalsa-Eroski realizaron o 24 de febreiro unha concentración en coincidencia coa inauguración dun novo hipermercado na Coruña para protestar contra o despedimento dun afiliado que conformaba a candidatura para as eleccións sindicais. A concentración tamén serviu para censurar a explotación laboral e a persecución sindical na empresa.
24/2/10.Estes feitos amosan, máis unha vez, a actitude antisindical do Grupo Vegalsa e a tentativa constante de eliminar a presenza das organizacións que non están dispostas a asinar o penoso convenio estatal.
Xornadas superiores ás 10 horas
O persoal que traballou o día da inauguración do Eroski-Center do barrio de Matogrande iniciou a xornada laboral ás 8:15 e saíu ás 15:05 horas e proseguiu desde as 18:00 até as 21:00 horas. De aí, os empregados tiveron que se desprazar até a tenda antiga para realizar o inventario.
Vegalsa, que participa co 50% do capital do Grupo Eroski en Galiza, mantén uns salarios inferiores aos da competencia con subas do 1% fronte ao 3´5% do resto do sector e malia acumular beneficios millonarios.
A política de recursos humanos é inflexíbel e autoritaria e maniféstase en sancións aos traballadores que se negan a modificar os seus horarios ao antollo da empresa, en despedimentos arbitrarios ou na denegación de permisos para conciliar a vida laboral e familiar. Ademais, é preciso recorrer á Xustiza para conseguir o goce destes últimos.